Mondra | Cantor e bailador

“Traes unha cantiga?’ recoñece unha parte moi importante da nosa tradición”

O artista participa como padriño no programa da TVG (hoxe, ás 22.00 horas)

O artista Mondra, 
durante a gravación
do programa.   |  // PRODUCIÓNS CELTA

O artista Mondra, durante a gravación do programa. | // PRODUCIÓNS CELTA / REDACCIÓN

Mondra, cantor e bailador, participa esta noite (22.00 horas) no programa de TVG Traes una cantiga? O artista formará parte do xurado e será o padriño dos tres grupos que actúan na emisión, gravada en Melide. Cada semana na TVG soa o canto de taberna, un dos xéneros máis populares da música galega para elaborar unha listaxe dos temas con máis sona.

Cal é a túa idea sobre os cantos de taberna, en que medida teñen algo que ver co que ti fas na música?

Lembro de neno terme sentido moi fascinado por xente maior cantando espontaneamente, así de súpeto sen vir moito a conto en tabernas, e sentirme moi fascinado por iso, e tamén pola cuestión de non ter unha xustificación para cantar, simplemente que se alguén inicia o cantar todo o mundo entenderá que hai que unirse a iso. Penso que hai moito de comunidade e moito de celebración nos cantares de taberna. A miña musica, por suposto, está moi feita dende aí. Creo que é unha cousa que nos caracteriza moito como pobo.

A túa xeración canta nas tabernas?

A miña xeración non canta nas tabernas, polo menos dende ese cantar espontáneo, e hoxe cantar nas tabernas e case un acto de resistencia. Que a xente vaia ás tabernas a cantar é fantástico. As xeración anteriores tiñan unha música para cada momento, para cada festa, cada labor. A miña xeración canta menos e canta peor, eu aínda non escoitei a unha avoa que cantase mal.

Sen dúbida, como outros músicos da túa xeración, es unha demostración de que hai futuro na música galega. Como imaxinas ese futuro?

Estamos vivindo un momento doce da música galega, sobre todo da música en galego. Creo que estamos nun punto de inflexión nun camiño que leva facendo moita xente e artista durante anos, e de súpeto neste momento estamos ocupando espazos e rexistros que non se ocuparan ata agora, entón é algo que hai que celebrar, é moi interesante e da conta de que a música galega ten todas as posibilidade do mundo, e vexo unha canteira e unha irmandade alucinante. O que espero é que as músicas en linguas minorizadas se posicionen nun contexto internacional como non se fixo antes, as músicas de raíz que son as que identifican aos pobos.

Os cantos de taberna poden aportar a ese futuro?

Claro que si poden. As tabernas, por moito que cambien os mundos, non deixarán de ser espazos para a xuntanza, para a relación social. A música aparece neses espazos, e supoño que o cantar de taberna comezará a ser máis cousas, e iso está na man da xente que canta, e tamén que entren mais músicas e melodías e instrumentos que nunca estiveron nunha taberna.

Que sensacións produciu en ti que che propuxeran participar en Traes unha cantiga?

Para min participar en Traes unha cantiga? foi unha honra. Son un rapaz moi novo que veño da música tradicional, levo toda a vida vencellado, e hai dous anos que comecei o meu proxecto persoal e profesional, e ser considerado padriño neste programa de Melide, con participantes tan fantásticas foi unha honra, e tamén compartilo con Alfredo e con Sheila, aos que admiro moito.

Pero se cadra non foi doado ter que facer de xurado, acompañado de Sheila Patricia e Alfredo Dourado?

Si que foi doado, claro que si, e cadramos ben. Non tivemos moita dúbida, estaba moi claro, aínda que os tres grupos participantes eran fantásticos, pero tiñamos claro cal tiña que ser a cantiga de Melide.

Que destacarías dos grupos participantes?

Os grupos tiñan todo o que teñen os cantares de taberna, gañas de celebrar, de festexar, de xuntarse, de compartir, e moitas habilidades musicais, por suposto, xente que tocaba e cantaba moi ben, o que sempre é unha ledicia. Tamén moita picardía, que é algo que nos caracteriza moito na nosa tradición, e fixeron unha boa escolla das cantigas. Moi interesantes as tres propostas.

E de como se desenvolveu a gravación do programa?

Penso que foi unha xornada de gravación fantástica, cunha equipa moi boa, e sobre todo que a xente de Melide tiña moitas gañas de festa

Que cres que lle transmitirá Traes unha cantiga? a audiencia da TVG?

Creo que é un programa ben lindo que merece estar na televisión pública galega recollendo os cantares da nosa tradición oral, recoñecendo unha parte moi importante da nosa tradición cultural. Así que creo que a xente vai agradecer moito volver escoitar algunhas desas cantigas populares que forman parte do noso imaxinario e que o farán para sempre.